« Abril 2007 | Página principal | Octubre 2007 »

Mayo 02, 2007

Crítica publicada en O Roteiro

Reproduzco la crítica sobre el Panfleto Antipedagógico publicada recientemente en O Roteiro, firmada por Ramón López Vázquez. Está en gallego, pero creo que se puede leer y entender sin problema.

RICARDO MORENO CASTILLO, Panfleto antipedagógico, prólogo de F. Savater, Barcelona: Leqtor, 2ª ed., 2006, 137 pp.

Un anovador título que apreixa contidos ben alleos do que vulgarmente se entende por “panfleto” e, mesmo, por pedagoxía. En efecto, que ninguén busque nestas páxinas unha linguaxe basta, intencións túzaras, propostas insultantes ou demagoxia exultante. Pola contra, nas súas páxinas encontrará unha falsificación do concepto de “panfleto” por canto non hai nin unha soa idea panfletaria. Hai, e moitas, reflexións que deberan facer pensar a quen ten a responsabilidade de dirixir e levar da man o tren educativo dos mozos españois. Quédame a sospeita se debaixo dese título latexa a ironía galaica de quen quere presentar coma panfletaria toda a pedagoxía derivada da lei xeral de educación chamada LOXSE. Será que o adxectivo expresa, por xunto, que a pedagoxía da nova lei é simultaneamente un panfleto e un ataque á pedagoxía?
O certo é que os criterios educativos expostos exsudan cordura didáctica; profesionais da docencia e adultos interesados polos problemas escolares cando empecen a ler o primeiro capítulo daranse de conta que teñen nas mans un tratado de praxe escolar do que cabe esperar os mellores froitos, isto é, persoas ben formadas e formadores de persoas ben asisados.
Situado no contexto histórico español do presente, este libro vén sendo un berro desgarrado, un SOS educativo, perante a alarmante situación de deterioro, confirmada por estudos internacionais (Informes Pisa, OCDE, etc.), a que foi dar a aplicación da citada lei.
Para desembarazarse de todo aditamento ideolóxico, o autor pon entre paréntese o seu moito, mais oculto, saber de teorías antropolóxicas e sistemas educativos politicamente orientados. Nin unha soa vez fala diso que agora chaman “modelo de ser humano” nin de teorías pedagóxicas naturalistas, culturalistas, existencialistas ou socialistas. O seu propósito é moito máis simple: expor algunhas das razóns polas que antes da lei transmitía o seu saber de profesor de matemáticas con proveito para os alumnos e satisfacción para el e despois da lei conta os días que lle faltan para fuxir da terra queimada.
Non é fácil apreciar a dificultade que entraña ter que argumentar sobre o obvio; a exposición do profesor Moreno Castillo de sinxela resulta ardua por canto o que di é tan evidente que, teoricamente, non sería preciso nin falalo e menos escribilo. Por iso este libro chega ás librerías nun momento que moitos docentes lle agradecerán que el diga o que tantos pensan e, ora porque non saben, ora porque non se atreven, ademais, empezan a se sentir fracasados profesionalmente e culpables moralmente de tantas praxes educativas que nunca cavilaron en chegar a ver.

A lectura deste libro será unha boa terapia para os nostálxicos do silencio, disciplina, esforzo, traballo, estudo, responsabilidade, autoridade do profesor, etc. cualificados de “reaccionarios” polos “progresistas” partidarios de “aprender a aprender” sen dar un pau á auga. A premisa de que a LOXSE é “unha mala lei” vai seguida de trece pequenos capítulos, accesibles a calquera lector, que poden lerse nunha soa asentada.
Os catro primeiros tratan os temas de máis actualidade falsamente presentados polos apóstolos reformadores; a memoria do chapón, a motivación como diversión, os “cerebritos” reprodutores das elites, o fracaso escolar, etc., restan ben precisados conceptualmente despois das seis ou dez páxinas que a cada un lles dedica. Dous capítulos ─“A formación do profesorado” e “Expertos, orientadores e asesores pedagogos”─ refiren os desatinos da formación tanto inicial coma permanente dos axentes fundamentais da educación. A conclusión é clara “aos pedagogos que sosteñen que todo se resolve con diálogo permanente non hai que lles facer nin caso” (p. 118). A formación do profesor hai que buscala polo camiño do estudo e da praxe, do sentido común e da ilusión por comunicar cos alumnos que un ten diante. Alguén pensa que a base de cursiños se actualiza o profesorado?
Os capítulos 12 ─“Por que se debe estudar filosofía”─ e trece ─“Por que non se debe estudar relixión na escola pública”─ (na miña opinión un excelente capítulo) dan cabo a un libro feito non tanto para resolver problemas concretos canto para espertar as conciencias adormecidas que nin sequera se dan conta de que a antipedagoxía existe.
Cal é, por xunto, a tese central do libro? “É un acto de barbarie impedir que os estudantes máis disciplinados e traballadores non aprendan todo canto poderían aprender precisamente para que os vagos e indisciplinados non se sentan discriminados” (p. 109).
Para Moreno Castillo, os pais da LOXSE semella teren a enfermidade da envexa: “envexan aos que saben”, aos que len, aos profesores que explican con orde e claridade os conceptos básicos da súa materia, aos alumnos que aprenden a facer as contas, resumir un capítulo, ler un libro enteiro, facer unha redacción, analizar gramaticalmente unha oración, e, por enriba, non protestan cando fan exames e senten orgullo de levar boas notas. Propoñen, emporiso, profesores divertidos, traballos colectivos, investigacións sobre todo o divino e humano. A que virá, pregunta o profesor Moreno, esa teima porque “os rapaces fagan traballos colectivos e manexen moita bibliografía cando non son que de resumir un artigo do periódico local?”
Pero os argumentos de máis peso para mostrar a tese enunciada proceden da experiencia persoal do autor no ensino secundario. O pedagoxicamente forte do libro está nos exemplos, ─“é imposible que un neno entenda a necesidade de comer verduras se ten á man caramelos e larpeiradas” (p. 36)─, na proba de experiencia, na realidade dos feitos como argumentos de gravidade e valor innegable fronte aos erros que denuncia na nova praxe educativa: “Intentar formar a unha persoa sen aprenderlle contidos, cousas, é algo tan absurdo coma pretender ordenar unha habitación baleira” (p. 27).
Para escachar de risa lle parecen as actitudes dos que non paran de falar de calidade no ensino “cando a falta de disciplina nas aulas” é unha eiva da que tódolos profesores se queixan. Son incompatibles calidade e indisciplina; onde esta estea presente aquela estará ausente.
Xustifica a actitude dos alumnos “rebentadores” porque tamén eles son vítimas na ESO do afán por igualar desentendéndose da liberdade. Por que razón eles, os rebentadores, teñen que estar nun sitio obrigatoriamente cando podían estar facendo cousas de proveito noutro tipo de aprendizaxe? “Por que eles han respectar a liberdade dos que queren estudar e do profesor que quere explicar se a lei non respecta que eles non queren estudar?” (p. 57).
Por último, o capítulo titulado “A falacia da igualdade” (pp. 38-48) artella con exemplos collidos da vida diaria tanto física como intelectual e moral, un conxunto de razóns a prol do dispendio humano que supón un sistema educativo no que mercé á obsesión pola igualdade sacrifícase calquera excelencia. Apurando o argumento chega á concluír o paradoxo de que a “igualdade pretendida acentúa a desigualdade que se pretende evitar” (p. 40).
Para o profesor Moreno Castillo na educación coma calquera outra actividade social ha estar presente sempre a xustiza; esta, aquí, consiste en ofrecer iguais oportunidades para todos; oportunidades que han incluír sempre esixir algo máis do que a cómoda natureza está disposta a dar. Se, pola contra, o que de feito ocorre é que desaparecen as esixencias e vagos, traballadores, intelixentes, indolentes, etc., quedan igualados pola ignorancia colectiva, o que se fai é unha inmensa inxustiza con todos, pero sobre todo con aqueles que máis posibilidades terían de aprenderen novas causas. En definitiva, o sistema educativo en vez de dar oportunidades restas e a sociedade ten na escola unha institución inxusta por definición: “Hai que dar oportunidades a quen carece delas, non quitarllas a quen as ten” (p. 47).
Outra volta volven os exemplos para probar a falacia educativa da igualdade, para deixar ben claro que a falta de esixencias académicas leva ao desprestixio da escola pública e dos títulos por ela expedidos, tamén os de Kant, Copérnico e tantos outros como testemuños de que é falso que os fillos de pais analfabetos sexan peores estudantes ─“Non fai falta ser un xenio nin estar rodeado de libros para facer un bo bacharelato”(p. 42)─. Os absurdos desta falacia son de tal calibre que poderiamos, agora que o baloncesto está tan de moda entre os escolares, exemplificalos así: dar unha lei que prohiba xogar a este deporte aos máis altos para que os máis baixos non se sintan discriminados ─“a misión dun conservatorio, por exemplo, non consiste en impedir que sobresaia o que ten mellores aptitudes para música”(p. 46)─.
Para rematar permítaseme destacar as citas coas que inicia cada un dos capítulo. Son variadas, veñen ao caso, recollen a mellor tradición occidental e saben a ilustración. “Por iso, conclúe, a ensinanza secundaria ha ser, no fundamental, conservadora” sabedores todos de que aquilo que non se aprenda “na escola ou no instituto non se aprenderá en ningún outro sitio”.
Libro recomendable para calquera tipo de lector interesado na problemática educativa; ideas claras, vividas desde dentro por un profesor de moitos anos de servizos efectivos; reflexións dun autor que titula Panfleto antipedagóxico as súas experiencias dentro dunha aula dun instituto de tanta tradición como é o Gregorio Marañon de Madrid. Como serán as do resto? Ningunha recensión debe privar do pracer da lectura persoal.

Ramón LÓPEZ VÁZQUEZ